Tuesday 23 de April de 2024

A Xunta apoiará a execución da Senda Fluvial entre Trasanquelos e Burricios no río Mendo


Ángeles Vázquez destaca que este proxecto municipal pon en valor patrimonio natural de 3,5 quilómetros da marxe dereito deste curso fluvial

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará na execución dunha nova senda pola marxe dereita do río Mendo, ao seu paso polo concello de Oza-Cesuras.

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o alcalde, José Pablo González Cacheiro, mantiveron esta semana unha reunión, na que abordaron este proxecto que impulsa a Administración local e que consistirá na execución dunha senda de 3,5 quilómetros e que unirá as localidades de Oza-Cesuras.

Nese sentido, Ángeles Vázquez indicoulle ao rexedor municipal que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural analizará o contido do proxecto e determinará o alcance da colaboración, así como o mellor instrumento para plasmala.

A conselleira e o alcalde coincidiron en que grazas a esta actuación se recuperarán os puntos fluviais máis significativos deste río ao seu paso por Oza-Cesuras, é se invita aos cidadáns e visitantes a achegarse ao río.

Ángeles Vázquez salientou que esta non é única actuación que o seu departamento apoia neste concello, xa que na actualidade conta cunha axuda de case 140.000 euros para levar a cabo unha actuación de humanización e mellora de viarios en varios lugares do municipio. Recordou que se trata dunha actuación a cargo do Plan Hurbe.